Co obxectivo de crear un centro similar que sirva de apoio ó Programa Experimental de Transferencia Embrionaria que están a desenvolver nesta Rexión Autónoma de Portugal
Unha delegación do Goberno da Rexión Autónoma das Azores (Portugal), visitou esta maña as dependencias da Unidade Transferencia Embrionaria de Bos para coñecer como funciona o Programa de Mellora Xenetica que está a desenvolver alí FEFRIGA, a Federación Frisoa Galega e a Consellería do Medio Rural. A comitiva estivo composta por Antonio Miguel Arieiro Gonçalves Bezerra, Coordenador dos Serviços de Desenvolvimento Agrario dos Açores, e Ana Luisa Pavao, Coordenadora do Programa de Transferencia Embrionaria da Direcçao Regional do Desenvolvemento Agrario, acompañados de Samuel Pinto, o secretario técnico da Asociación Holstein de Portugal.
Durante a súa visita puideron coñecer máis de preto o funcionamento da U.T.E. De Bos, donde desde 1992 se traballa na mellora, vía femia, da cabana de vacún de leite galego. Isto permitiu a creación dun rabaño de vacas de elite doadoras de embrións, dos que os machos pasan a formar parte do centro galego de sementais de Xenética Fontao (Lugo), mentres que as femias se distribúen polas explotacións galegas para continuar coa mellora dos rabaños. Desde 1994 a U.T.E. De Bos leva producidos máis de 5.600 embrións, aos que hai que sumarlle outros 5.800 producidos en explotacións colaboradoras.
Proxecto similar nas Azores
A rexión autónoma das Azores (Portugal) , que ten no vacún de leite un dos seus principais sectores económicos, iniciou hai 3 anos un Programa Experimental de Transferencia Embrionaria na illa Graciosa, aproveitando o privilexiado status sanitario desta illa. Importaron embrións de alta calidade xenética de Canadá e Francia e na actualidade contan xa cunha primeira xeración de 30 doadoras de embrións. Agora queren trasladar este programa a outras illas da rexión, creando como base en Graciosa unha Unidade de Transferencia Embrionaria e un Centro de Recria de doadoras. Como indicou Ana Luisa Pavao, "queremos crear unha estrutura que apoie este traballo, a semellanza da UTE de Bos. Parécenos que é unha unidade de referencia para nós e queremos adaptar algunhas das ideas que vimos aquí para mellorar o noso programa, e aproveitar a experiencia de 19 anos de traballo que leva este centro".
A gandería de bovino, e nomeadamente a de leite, é a principal actividade económica, xunto co turismo destas illas situadas no medio do Oceáno Atlántico. Contan cunha cabana gandeira de 250.000 cabezas, máis que a poboación das nove illas, que rolda os 245.000 habitantes. A súa gandería de leite faise principalmente en explotacións extensivas que basean a súa produción no pastoreo, e a súa producción leiteira destínase case integramente á exportación a ambos lados do Atlántico, en forma de queixos, manteiga, leite en pó e leite líquido.
|